martes, 16 de maio de 2017

RESUME DA TEMPORADA VERDE

A temporada 2016/17 rematará oficialmente o 30 de xuño pero competitivamente finiquitou antonte para o Racing de Ferrol. Dende 2011/12 non acababamos a mediados de maio o campionato ligueiro. A razón: que nas campañas 2012/13, 2013/14, 2014/15 e 2015/16 encadeamos catro fases de ascenso seguidas (a primeira delas a Segunda B e as tres restantes a Segunda) e, dese xeito, a liga tivo epílogo para nós.
Naquel exercicio de 2011/12, que todos lembramos "cariñosamente" como tirando a lamentábel, o Racing pechaba a liga regular no CL-N4 (a 3ª División) ante o Alondras e axiña se poñía en marcha unha impresionante -pero non estraña- matalota no plantel. O presidente, Isidro Silveira, declaraba: "Aunque estamos a día 14 les pagaremos todo el mes de mayo para que se vayan tranquilos y para que también nos dejen tranquilos" (La Voz de Galicia, 14-05-2012). Non era A Casa da Pradeira o Racing naquela primavera de 2012 precisamente... Haberian de causar baixa o central Alfonso, o punta Ernesto (semanas despois ingresado na cadea por narcotráfico cando xogaba no Atlético Baleares), Céspedes (o de Gramenet actualmente adestra en China), Pedro García, o costamarfileño Kamaté, Rafa Mella, Cabanillas, o vallisoletano Rubén Pérez, o meta mugardés Paco Fernández, o cordobés Carlos Rodríguez, o dianteiro ortigueirés Rubén Pardo (en 18 partidos de liga non foi quen de marcar nin un só tanto), o inefábel Steve estoy-"alto"-quiero-jugar-joderrrr Ekedi e o non menos inefábel Elvis Onyema (inopinadamente o nixeriano foi o punta máis goleador do plantel con seis dianas, aínda que Pablo Rey quedou como Pichichi do grupo con nove) de cara á temporada seguinte, que sería diametralmente diferente en todos os aspectos.
O cedeirés Juan e o sevillano Pérez eran os únicos con contrato en vigor por aqueles días de maio de 2012. Na actualidade, maio de 2017, son moitos máis, pero aínda queda bastante tela que cortar de aquí ao verán para saben quen formarán o grupo de 2017/18. En principio seguen porque teñen contrato en vigor -ou foron renovados días atrás- Mackay, Nano, Víctor Vázquez, Maceira, Borja Freire, Adrián, Gonzalo, Brais, Mendi e Joselu. David Bandera tamén ten contrato pero non a confianza de Miguel Ángel Tena (que tampouco é seguro ao 100% que continúe) e terá que ir buscando equipo, actividade case única do leonés dende que chegou a Ferrol porque durante o mercado invernal lle puxeran xa eses mesmos deberes. 
A partir de aí, o resto poden ser renovacións ou marchas e sospeito que haberá máis destas últimas que nada. Bicho e De Paz estiveron cedidos por Dep. La Coruña e Celta e terán que voltar disciplinadamente aos seus clubs (ogallá seguise o lateral ferrolán). En certa medida poderá influír o que fagan Celta B e Dep. La Coruña B (campión do grupo galego da Terceira) nas respectivas fases de ascenso a Segunda e a Segunda B. Os cántabros Paisa e Laro, o crack de Palma Dani Benítez e o cidaderrealense Rafa García terminan contrato o 30 de xuño e xa se verá se interesa a continuidade dalgún(s) deles. Non estaría de máis a de Laro e Rafa García. Danibe quere probar sorte fóra de España. Pola súa banda, Pablo Rey pode que non acepte a renovación por cuestións persoais. E está no aire a de Català.
Mentras o baile comeza, e o que nos espera nas vindeiras semanas!, repasemos de maneira moi resumida os momentos da temporada 2016/17, que para nós vén de terminar cun sabor máis agre que doce:


DATA
NOVAS
05-07-2016
-O centrocampista eldense Forte bótase atrás e non quere seguir no Racing. Días despois fichará polo C.D. Ebro zaragozano.
 08-07-2016
-O lateral Iván González, que non aceptara renovar, ficha pola Cult. D. Leonesa.
-O xuvenil Aarón Rey, unha das “perlas” da canteira verde, marcha ao R.C. Celta.
-Héber tampouco renova e acabará fichando polo R. Racing C. santanderino días máis tarde.
10-07-2016
-Juáncar Fernández Lago, director deportivo racinguista: “Vamos a tener un buen equipo, eso seguro”.
11-07-2016
-O Racing ficha ao defensa Cruz, da UD Almería B. É  2ª fichaxe para esta temporada (a primeira fora a de Adrián, do Coruxo FC).
12-07-2016
-Comeza o culebrón do verán. Cádiz, Nàstic e Córdoba interésanse por Joselu. O xogador interpreta que o Racing lle abriu as portas e quere marchar pero o club só o permitirá se percibe a totalidade da cláusula de rescisión do contrato do ribeirense. O Albacete, adestrado polo ex xogador e ex adestrador verde José Manuel Aira, tamén intentará a súa incorporación.
14-07-2016
-O Racing inicia a súa pretemporada co ferrolán Míchel Alonso á fronte de, neste momento, 14 futbolistas no plantel: os gardametas Mackay e Paisa, os defensas Pascual (que sube do xuvenil), Víctor Vázquez, Català, Nano, Cruz e Maceira, o medio defensivo Juan, os medias puntas Pablo Rey, Brais, Carlos López e Adrián e o dianteiro Joselu. Tamén adestrarán dous xuvenís, o gardameta Berea e o defensa Borja Freire, e estarán a proba o extremo exipcio Essam, o central brasileiro Dias e o centrocampista colombiano Alfonso López.
15-07-2016
-O Racing ficha ao medio centro andaluz Sergio Martín, do Granada CF B. Asina por un ano, prorrogábel noutro máis se houbese ascenso á 2ª División.
16-07-2016
-O Racing ficha ao media punta Julio, do RC Celta B. O burelense está considerado un dos mellores sub-23 de Galicia. Vén coas mesmas condicións contratuais que Sergio Martín.
18-07-2016
-O club verde dá un prazo de dez días a Joselu para que decida sobre o seu futuro. As partes seguen firmes nas súas posturas. O Racing quere cartos e Joselu poder marchar gratis. O Lugo está tamén interesado no xogador e fálase do posíbel troco do de Palmeira por Mario Barco.
23-07-2016
-Á espera de tramitar a súa documentación, o Racing anuncia o acordo (por un ano, prorrogábel a outro se houbese ascenso) co centrocampista costarricense Ariel Rodríguez, do LD Alajuelense.
-O Racing perde (0 a 1) ante o CD Lugo nun amigábel n`A Malata.
24-07-2016
-Incorpórase ao Racing o media punta leonés David Bandera, do At. Astorga. Ficha por un ano, ampliábel se se logra o ascenso ao remate da temporada.
25-07-2016
-O Recreativo de Huelva únese á longa lista de pretendentes de Joselu. En terras andaluzas mesmo dan case por feita a fichaxe.
-Míchel Alonso: “Hay un mercado para los equipos fuertes de la categoría al que no podemos acceder”.
26-07-2016
-O Dep. La Coruña cédelle ao Racing ao media punta sadense Bicho, que ocupará unha das obrigadas prazas de sub-23. O sadense viña xogando no segundo equipo deportivista.
-Acordo verbal entre Racing e Joselu que certifica a continuidade do de Palmeira até 2019. “Salimos ganando los dos”, declara o xogador. “Tenemos Joselu para rato”, di Isidro Silveira Rey, conselleiro delegado do club.
28-07-2016
-Preséntase a nova equipación do Racing, que recupera a cor verde tradicional.
29-07-2016
-O centroamericano Ariel Rodríguez queda descartado polos seus problemas nun xeonllo, que lle obrigarían a pasar dous ou tres meses fóra dos terreos de xogo.
-O Racing é derrotado (0 a 2) polo Dep. La Coruña no partido da 55ª edición do trofeo Concepción Arenal. Os verdes deixan boas sensacións.
01-08-2016
-O Racing empata n`A Malata (2 a 2) cunha selección da AFE. Essam e Julio marcan os goles ferroláns. O exipcio celebra o seu gol ao estilo Uche.
03-08-2016
-O Racing supera ao Sigüeiro F.C. (0 a 2) na Copa Deputación. Nano e Bicho fan os tantos ferroláns.
05-08-2016
-Confírmase a fichaxe de Dani Benítez, extremo esquerdo da Ag. D. Alcorcón. O mallorquino fora noticia cando militaba no Granada, na 1ª División, por dar positivo nun control antidopaxe que lle levou a cumprir unha sanción de dous anos sen xogar. Vén por unha temporada.
06-08-2016
-O Racing vence no Jesús García Calvo á S.D. Negreira (1 a 3) nos oitavos de final da Copa Deputación. David Bandera (2) e Carlos López marcan para o cadro verde.
10-08-2016
-O Racing gana no Rodrigo García Vizoso ao Silva coruñés (1 a 2) nos cuartos de final do torneo amigábel provincial. Brais e o recén fichado Dani Benítez marcan os goles racinguistas.
12-08-2016
-É fichado o medio centro castellonenco Álex Felip, do Elche CF. Asina por unha campaña, con opción a dúas máis.
-O lateral ferrolán Pascual pasará polo quirófano para tratar os seus problemas nun ombreiro e estará de baixa tres ou catro meses.
14-08-2016
-O Racing métese nas semifinais da Copa Deputación tras vencer (0 a 1) ao Dep. La Coruña B en El Mundo del Fútbol. O gol márcao David Bandera.
15-08-2016
-O ex xogador verde dos anos setenta Carlos Torres, falecido en 2015, é homenaxeado nos campos d`A Gándara cun torneo no que participan os equipos xuvenís de Racing, Dep. Narón, Galicia de Caranza e O Val de Narón.
17-08-2016
-O Boiro adxudícase a Copa Deputación 2016 tras ganar (3 a 1) na final ao Racing, celebrada n`O Roxo (Cerceda). Brais adiantaba aos verdes no inicio do 2º tempo pero o equipo de Fredi Álvarez foi quen de remontar.
-O lateral madrileño Velayos, nova fichaxe racinguista á espera do tránsfer da federación romanesa, xa que procede da Sptva. Ardealul. Vén por unha temporada, con opción a outra.
-A Escola de Fútbol do Racing inicia a súa pretemporada. Nesta campaña contará con 14 equipos e case 200 nenos e nenas.
18-08-2016
-O Racing presenta a súa nova web oficial. O acto ten lugar no espazo museístico Exponav, no Arsenal militar.
19-08-2016
-Carlos López marcha ao Cerceda.
20-08-2016
-O Racing inicia a competición ligueira 2016/17 en Mieres, empatando sen goles ante o Caudal nun partido no que apenas creou ocasións de marcar.
21-08-2016
-Falece o ex xogador e ex adestrador racinguista José Ramón Arteche. O de Canido foi o primeiro técnico nacido en Ferrol que levou ao Racing á 2ª División, en 1999/2000.
28-08-2016
-Primeira derrota da temporada (0 a 1), ante o Guijuelo. Un gol do galego Aitor Aspas coloca ao Racing na posición de PP2B. Os verdes adoecen de velocidade e dirección no seu xogo. Míchel segue a pedir paciencia co equipo, que aínda está en formación.
29-08-2016
-Chega o tránsfer de Velayos.
31-08-2016
-O Racing elimina ao Zamora na Copa del Rey cun axustado 3 a 2 n`A Malata. Sergio Martín, Bicho e Julio marcan os goles verdes.
03-09-2016
-Empate a un tanto no feudo da Mutilvera navarra na 3ª xornada de liga. Joselu marca o gol ferrolán e Mackay máncase de gravidade no seu tendón de Aquiles esquerdo no minuto 13 de xogo, sendo suplido por Paisa.
06-09-2016
-Con Mackay lesionado, o Racing vese obrigado a fichar outro gardameta. Incorpora a Brais Pereiro, do Coruxo.
07-09-2016
-Mackay é operado no hospital San Rafael, n`A Coruña.
-O modesto At. Cirbonero de Cintruénigo (da 3ª División navarra) acentúa o mal inicio de temporada dos racinguistas e elimina da Copa del Rey ao equipo de Míchel na quenda de penaltis tras 120 minutos sen goles. É a primeira vez na historia que o cadro verde é apeado do “torneo do k.o.” por un rival do cuarto nivel ligueiro.
11-09-2016
-Segunda derrota caseira do Racing. Perde (0 a 1) ante o Racing de Santander e colócase en posición de descenso directo á 3ª División logo de catro xornadas.
17-09-2016
-Míchel: “El equipo no está dando lo que todos esperamos por muchos factores: temas físicos, jugadores que no están, otros que vienen de pasar años en blanco... Pero con todo eso, y aun estando mal, podríamos tener más puntos y eso suavizaría el entorno”.
18-09-2016
-Á quinta foi a vencida. O Racing logra o seu primeiro triunfo ligueiro nesta temporada en casa do Dep. Palencia (1 a 3). Joselu (2) e Pablo Rey marcan os tantos ferroláns.
20-09-2016
-O Racing logra tramitar, por fin, a ficha de Brais Pereiro.
21-09-2016
-Por mor dunha microrrotura, Nano será baixa varias semanas. Únese a Dani Benítez, que ten problemas musculares, e aos mancados de longa duración Pascual e Mackay.
25-09-2016
-O Racing consegue a primeira vitoria n`A Malata na presente liga logo de superar ao Celta B (2 a 1). Bicho marca no 1º tempo, Borja Iglesias empata no 2º para os vigueses e Cruz fai o tanto do triunfo a tres minutos do asubío final. Míchel Alonso di tras o partido: “El Racing juega a lo que puede y yo me adapto a lo que tengo (...) Como decía Manolo Preciado, ni ahora somos el Bayern ni antes éramos la última mierda que cagó Pilatos”.
02-10-2016
-Cun gol de inexistente penalti perde o Racing na casa do Pontevedra na 7ª xornada. Víctor Vázquez é expulsado por esa acción (claramente fóra da área) e a un minuto do remate foino Català. O cedeirés Juan, con problemas nun xeonllo, houbo de ser substituído no minuto 4.
03-10-2016
-Pascual rescinde o seu contrato co Racing.
05-10-2016
-O Racing perde nun amigábel n`A Malata ante o Celta (0 a 3).
-Tras reclamación verde, queda sen efecto o segundo cartón amarelo recibido por Víctor Vázquez en Pontevedra por acordo do Xuíz Único de Competición.
-O Racing cumpre 97 anos.
07-10-2016
-O capitán Pablo Rey declara en La Voz de Galicia: “La plantilla está con el míster”.
09-10-2016
-Nova derrota caseira, desta volta ante o Izarra (1 a 2). Logo dun bo 1º tempo, o Racing desfondouse no 2º e foi superado nos derradeiros dez minutos polo cadro navarro, que foi quen de darlle a volta ao marcador tras o tanto de Joselu no 70’.
10-10-2016
-Xuntanza de Silveira Rey, Juáncar e Míchel para falar da situación do equipo. Os dirixentes conclúen que o rendemento xeral do equipo é baixo e, no plano individual, tamén o de determinados futbolistas.
11-10-2016
-La Voz de Galicia desvela que en agosto un grupo inversor italiano sondeou a posibilidade de mercar o Racing.
12-10-2016
-Isidro Silveira Rey: “El objetivo irrenunciable del Racing es entrar en el play-off (...) Si el entrenador estuviese cuestionado se habría reunido el Consejo de Administración, que fue quien lo nombró, y hasta la fecha esa reunión no se ha producido”.
-Sobre a posíbel venda do paquete accionarial que posúe o Concello, o alcalde ferrolán, Xurxo Suárez, di: “Cando nós chegamos ao goberno había un informe da Intervención, dos técnicos do Concello, que aconsellaban a venda das accións. O documento explicaba que non semellaba o máis apropiado que unha administración pública tivese ese nivel de inversión nunha sociedade anónima deportiva (...) Non é un obxectivo a curto prazo, nin unha prioridade deste goberno, mais estamos convencidos de que, o faga esta corporación ou a seguinte, tarde ou cedo o Concello terá que desprenderse das súas accións”.
-A Comisión Anti-Violencia propón unha multa de 2.000 euros para un afeccionado racinguista por romper dúas cadeiras en Pasarón durante o Pontevedra-Racing da 7ª xornada ligueira.
14-10-2016
-Míchel Alonso non se ve cuestionado “de portas para adentro” e engade: “¿El club duda del rendimiento de algún jugador? No tengo constancia de eso; si fuera así, sería importante que los trapos sucios los laváramos en casa”.
16-10-2016
-O Racing empata n`A Malata (1 a 1) ante o Burgos noutro pésimo partido. O tanto ferrolán márcao Joselu de penalti dubidoso.
17-10-2016
-Cae Míchel Alonso como adestrador do Racing e regresa Miguel Ángel Tena ao banco d`A Malata catro meses despois da súa espantada. O técnico de Almasora estaba sen equipo.
18-10-2016
-Tena declara: “Creo que el equipo está ahí por los errores que comete y ahora toca trabajar. Si estoy aquí es porque lo veo posible [xogar a FA2]”.
-O club admite erros nas fichaxes realizadas no verán e deixa entrever que haberá moitas novidades no mercado de inverno. Silveira Rey confía no “carácter” e no “buen hacer” do técnico levantino para alcanzar a Fase de Ascenso.
19-10-2016
-Juáncar Fernández anuncia a súa marcha como director deportivo do Racing. A dimisión oficializarase tres días despois. A destitución de Míchel (adestrador da súa confianza), o “caso Pascual” e o regreso de Tena -con quen non tivo suficiente feeling a temporada pasada- levan a Juáncar a deixar o cargo porque se encontra “jodido y desilusionado”.
23-10-2016
-O Racing cae derrotado en Villaviciosa ante o Lealtad (2 a 0) nun mal partido dos de Tena.
29-10-2016
-Derrota n`A Malata diante o Valladolid B (1 a 2). Pablo Rey marca o gol ferrolán. Os erros defensivos condenan ao cadro verde.
02-11-2016
-Tras cinco xornadas sen facelo, o Racing gana na casa do At. Osasuna B ( 1 a 2), con tantos de Dani Benítez e Cruz.
03-11-2016
-Pablo Bueno substitúe a Carlos Morandeira na dirección da Federación de Peñas del Racing de Ferrol (FPR).
06-11-2016
-Nun calamitoso partido do Racing, o Tudelano lévase os tres puntos d`A Malata cun gol no derradeiro minuto.
07-11-2016
-Explosivas declaracións de Tena para Muchacalidad.com. Nelas di que é inalcanzábel a Fase de Ascenso con este plantel; que non lle vai pedir ao equipo que xogue ben porque é imposíbel; que o Racing non goza de grandes xogadores tecnicamente falando; e que a meta marcada por persoas que estaban antes ca el no club non era real. O adestrador levantino considera a permanencia como o único obxectivo do Racing nesta temporada.
08-11-2016
-Joselu: “Ahora mismo somos 20 inútiles”.
10-11-2016
-Silveira Rey dá unha rolda de prensa para admitir que a planificación da temporada foi mala. Pon o acento en que o club non foi quen de amarrar a Forte e a Héber; que arriscou renovando a xogadores que por problemas físicos podían non dar o 100% de si mesmos como Nano, Català ou Juan; e que fichou a xogadores sen ritmo de competición como Dani Benítez, Velayos e Álex Felip. O conselleiro delegado verde indica tamén que o club lle brindou moito apoio a Míchel; quitou importancia ás declaracións de Tena sobre o plantel; e apelou aos posíbeis reforzos do mes de decembro. O dirixente verde anuncia tamén que o Concello non ingresou aínda nin a metade dos 170.000 euros establecidos como subvención e que a familia Silveira houbo de adiantar 43.000 para pagar as nóminas.
13-11-2016
-O Racing arrinca un empate (1 a 1) de El Toralín diante a Ponferradina. Adrián é o autor do gol verde. O cadro berciano acada o seu a cinco minutos da conclusión nun despiste clamoroso de retagarda e porteiro ferroláns.
18-11-2016
-Pascual ficha polo Levante.
19-11-2016
-O Racing cae derrotado (2 a 3) n`A Malata ante unha potente Leonesa axudada por tres erros do gardameta Brais Pereiro. Os tantos verdes fixéronos Adrián e Joselu. Víctor Vázquez resulta mancado no 23’ e tamén Sergio Martín, o seu substituto, no 36’.
04-12-2016
-O Racing golea ao Coruxo (5 a 2) con catro goles de Joselu e un de David Bandera e excelente actuación de Dani Benítez. Dende 2004/05 non marcaba un xogador racinguista catro goles nun partido oficial. Nos prolegómenos do partido gardouse un minuto de silencio polo falecemento de Josefina Gómez (nai da xerente do club, Cristina Valiño) e polos futbolistas do Chapecoense brasileiro falecidos nun accidente aéreo cando voaban a Medellín a confrontaren co At. Nacional na final da Copa Sudamericana.
-Falecen dous ex xogadores verdes, o porteiro Juan Galán Bayarri, que militou no club en 1967/68, e o defensa Antonio Díaz López (Ton), que o fixo entre 1954 e 1958.
06-12-2016
-O Racing vence a un combinado comarcal (1 a 2) nun amigábel a beneficio da asociación Párkinson Ferrol. O leonés David Bandera e o castellonenco Álex Felip marcan os goles verdes.
11-12-2016
-O Racing arrinca un empate (1 a 1) en Boiro. Joselu marca o gol ferrolán.
14-12-2016
-Falece ao 73 anos de idade Isidro Silveira Cameselle, vicepresidente deportivo do Racing entre 1993 e 1995, presidente en funcións entre 1995 e 1996 e mandatario electo dende este último até o presente. A RFEF, a FGF e dúcias de clubs de toda España expresan as súas condolencias ao club verde.
17-12-2016
-Nun partido marcado pola lembranza de Isidro Silveira, o Racing vence (2 a 0) ao Arandina na derradeira xornada da 1ª volta con goles de Brais e Adrián. No minuto 73 toda A Malata se puxo a aplaudir como homenaxe ao finado presidente (73 é a idade á que faleceu). E xusto nese minuto chegaba o primeiro gol da tarde.
21-12-2016
-O Lorca Deportiva do inefábel Quique Pina, cadro da Terceira División murciana (non confundir a este equipo co Lorca F.C., que está na Segunda B) manifesta o seu interese en Dani Benítez.
28-12-2016
-O Racing ficha ao media punta cántabro Laro, do Racing de Santander.
29-12-2016
-Celébrase a Xunta Xeral Ordinaria de Accionistas do Racing, que aproba un orzamento para esta temporada de 710.000 euros. A anterior pechouse cun déficit de 103.000 euros. En representación da familia Silveira estivo na Xunta o fillo menor do finado presidente, Borja.
08-01-2017
-O Racing empeza o ano e a 2ª volta goleando ao Caudal (4 a 0). Bicho (2), Dani Benítez e Pablo Rey marcan os tantos.
11-01-2017
-O Celta acorda a cesión do defensa ferrolán De Paz ao Racing. O futbolista viña militando no Celta B.
12-01-2017
-Tena deixa claro que non conta con Sergio Martín, Álex Felip e Velayos e convídalles a que busquen equipo.
14-01-2017
-A prensa local desvela que representantes dun grupo inversor venezolano con sede en Miami (Florida, EEUU) visitaron Ferrol días atrás para falar coa familia Silveira e co Concello sobre a posíbel merca do Racing.
15-01-2017
-O Racing chupa un punto na casa do Guijuelo (2 a 2) e suma seis xornadas sen perder. O porcino Julià en propia porta e Adrián marcan os goles ferroláns.
17-01-2017
-Álex Felip e Velayos causan baixa no Racing.
18-01-2017
-Álex Felip valora como “premeditada” a decisión de Tena de prescindir dos seus servizos: “Desde el primer partido no contó conmigo”, comenta.
20-01-2017
-Medios mallorquinos suxiren a fichaxe de Dani Benítez polo Mallorca.
22-01-2017
-O Racing regresa ás derrotas perdendo na casa diante a Mutilvera (0 a 1) cun tanto no derradeiro minuto.
27-01-2017
- Mendi, dianteiro da U.D. Logroñés, e Gonzalo, centrocampista do Pontevedra, fichan polo Racing.
-Joselu rexeita unha suculenta oferta do FC Cartagena.
04-02-2017
-Aprázase o partido ante o Dep. Palencia por mor dun forte temporal de vento que rompeu o día anterior partes das cubertas d`A Malata. É a primeira vez nos últimos 84 anos que un partido oficial do Racing en Ferrol ten que adiarse por condicións meteorolóxicas adversas.
05-02-2017
-Falece o ex adestrador verde José María García de Andoin.
09-02-2017
-Dous representantes dun grupo inversor de Hong-Kong visitan Ferrol para entrevistarse con Borja Silveira e ver as posibilidades de adquirir o club verde.
11-02-2017
-O Racing perde en Vigo co Celta B (1 a 0).
19-02-2017
-Vitoria importante ante o Pontevedra (1 a 0) con golazo dende longa distancia de Dani Benítez.
26-02-2017
-O Racing empata (1 a 1) en Estella ante o Izarra. Marca o gol ferrolán Mendi e regresa Mackay baixo os paus logo de 176 días afastado dos terreos de xogo para mancadura que sufrira ante a Mutilvera, tamén en territorio navarro.
05-03-2017
-Derrota (2 a 1) en El Plantío ante o Burgos. Marca o tanto verde Joselu.
07-03-2017
-O Racing ficha ao centrocampista cidaderrealense Rafa García, que estaba sen equipo dende que terminara contrato co Reus Deportiu a finais de xaneiro.
10-03-2017
-José Mª Criado Labajo é designado polo Consello de Administración verde como novo presidente do Racing. Nada menos que 86 días houbo que esperar para que o club tivese novo mandatario, demora sen precedentes na súa historia. Juan Pazos pasa a ser o novo vicepresidente, Borja Silveira entra no Consello para ocupar o cargo de secretario xeral que deixa Pazos, Isidro Silveira Rey continúa como conselleiro delegado e Bruno Díaz e Suso Basterrechea son os vocais que representan ao Concello, que é o accionista maioritario.
11-03-2017
-O Racing vence pola mínima (1 a 0) al Lealtad cun gol de Laro.
15-03-2017
-No partido adiado polo temporal, o Racing supera con facilidade ao Dep. Palencia (4 a 1) con goles de Català, Joselu, Bicho e Laro. Os palentinos rozan o ridículo coa equipación que presentan en Ferrol.
19-03-2017
-O Racing perde (1 a 0) na casa do Valladolid B. O cadro castelán xoga con dez homes dende o minuto 11 por expulsión de Anuar.
26-03-2017
-O Racing vence (1 a 0) ao At. Osasuna B cun gol do capitán Pablo Rey que achega a permanencia na categoría.
02-04-2017
-Coa súa vitoria en feudo do Tudelano (0 a 1) o Racing está virtualmente salvado e explora as súas posibilidades de clasificación para a Copa del Rey da vindeira temporada. O gol ferrolán en Tudela márcao Joselu.
07-04-2017
-Tena declara que pensar na FA2 é unha “utopía”. O Racing está a 10 puntos do cuarto posto a falla de seis xornadas.
08-04-2017
-Cun gran primeiro tempo, o Racing vence (2 a 1) a unha Ponferradina decepcionante n`A Malata. Os verdes marcan por medio de Adrián e Nano.
16-04-2017
-O Racing perde no Reino de León ante a Leonesa (3 a 1). Marca o tanto ferrolán Laro, que servira para poñer por diante aos de Tena.
23-04-2017
-Nun infame partido, o Racing non pasa do empate n`A Malata (0 a 0) ante o descendido Somozas.
25-04-2017
-Català: “Entiendo que la afición del Racing esté harta y que raje de nosotros”.
29-04-2017
-O Racing suma na antepenúltima xornada os tres puntos n`O Vao fronte ao Coruxo (0 a 2) e supera a barreira dos 50 puntos, colocándose a seis (inalcanzábeis) da FA2. Marcan os goles en terras viguesas Dani Benítez e Joselu.
07-05-2017
-O Racing suma a súa oitava derrota n`A Malata ao perder (0 a 1) ante o Boiro no derradeiro partido ante a súa afección nesta liga. Non ten precedentes na historia verde tal número de partidos perdidos como local na “división de bronce”.
14-05-2017
-Termina a liga regular con vitoria (1 a 4) en terreo do Arandina. Joselu marca dous tantos, Dani Benítez e Pablo Rey (este de penalti) fan un. Os verdes acaban no 7º lugar da táboa con 54 puntos e clasifícanse para a Copa del Rey da temporada próxima.