luns 26 setembro 2016

VITORIA POR CESÁREA

O Marcador Electrónico de FERROL É RACING.

Seis meses e pico despois (os dous do verán polo medio), voltou a ganar o Racing de Ferrol na súa casa na competición de liga. (foto: César Toimil)

Tiveron que pasar 188 días coas súas noites para volver a ollar ao Racing de Ferrol vencendo n`A Malata nun encontro ligueiro. Logrouno nesta 6ª xornada na "división de bronce" ante o Celta B vigués, cualificado cadro que até onte non coñecía a derrota no presente campionato. Mais, se o triunfo era o máis importante dadas as circunstancias e a proba foi superada con éxito, aínda que fose in extremis; o cabalo de batalla segue a ser a imaxe global. Este Racing continúa a dar sensacións de equipo excesivamente chato, inseguro, por momentos camanduleiro e deficitario en algo fundamental: actitude. Empezo a pensar que non é cuestión física. A este equipo de profesionais fáltalle un auténtico berro, unha verdadeira labazada de realidade. Despertar dunha vez por todas e poñerse a traballar. Porque, ou somos relativamente bos pero non damos nin o 50% polo que sexa, ou somos moi malos. Inclínome claramente polo primeiro. E todo isto deixando a un lado a organización que se amosa no campo, a xestión dos espazos, a maneira de pasar ou recepcionar os balóns, os apoios, a presión... en todo o cal seguimos suspendendo. Pregunto: David Bandera xogou onte de media punta rachador, de central libre, de medio centro céntrico ou de centrocampista centralista? Que mo expliquen. O ex astorgano estivo outra volta irregular.
Bicho foi armado cabaleiro para ocupar o trono que deixou vacante Borja Domínguez no downtown verde, pero esa parcela segue a ser barriada, máis ben. O ex compostelanista, iso si, marcou na única xogada bonita dos da Detroit española. David Bandera deixoulla a Joselu, éste pasoulla en profundidade a Bicho -que viña entrando pola esquerda moi libre de marca- e cruzouna ante Néstor. O sadense deixou pingas do que ten dentro de si, pero a media ferrolá necesita unha chea de cousas para marcar época. O corazón e o pundonor de Juan Martínez é un modelo para todos. Corta, rouba e pelexa, ás veces cun chisco de descontrol, pero dándoo todo. Que cunda o exemplo. 
A media non crea en exceso pero tampouco defende de fábula precisamente. Julio entrou no 2º período para poñer un pouco de orde na materia pero un equipo que non se protexe axeitadamente en todos os currunchos o paga. A retagarda, estresada e lenta no arrinque, obrigada a facer o que lle correspondería a un centro do campo creativo con Víctor Vázquez moi traballador facendo horas extra con rápidas cruzadas ante as incursións alegres dos vigueses e Català sacándoa con dificultades, sofre e ten que inventar sobre a marcha saídas dende atrás abusando do pase á inversa, o dribling e a chicuelina taurina en campo propio para terminar tirando inconsecuentes "melóns" e torpedos. E quen os colla para el. Así o fútbol é feo, estéril e perigoso.

Bicho enviou así o balón á rede a pase de Joselu para abrir o marcador. A defensa viguesa estaba agrupada en torno a David Bandera e Joselu, e Bicho puido entrar con liberdade pola esquerda para recibir e executar. Foi a mellor xogada do Racing neste partido. (captura: www.crtvg.es)

A ningunha afección agrádalle ver ao seu equipo en feudo propio metido na cova, correndo daquela maneira tras a pelota a meirande parte das veces e xogando co rival ao gato e o rato desempeñando o papel de rato. O Racing en moi poucos momentos mandou. Escasas veces tivo criterio sostido e ideas xenuinamente claras. Preferiu esperar moi atrás pero os contragolpes non eran frecuentes por lentos e mal planificados. Algún meteorito aparecía voando con Joselu como destinatario, pero ao de Ribeira unhas veces lle petaba no tacón, outras saía moi pasado e outras vía como se lle adiantaban os backs visitantes. 
As distancias cósmicas entre liñas, as incorporacións inexistentes, a moita improvisación e os erros infantís facían o xogo local moi previsíbel e anódino no marco dun partido xa pouco entretido. E todo iso ante un Celta B co argumento do sempre perigoso Borja Iglesias e as ampollas de talento de moitos dos seus rapaces. Os olívicos facían avances decididos pero afogaban nos metros finais ou tiraban a porta sen moita puntería. E é que nin uns nin outros deleitaron. O partido foi máis ben tirando a malo, pero o Racing estivo finalmente aliado coa fortuna e conseguiu a última cama ingresando por urxencias.

O gol do empate, obra de Borja Iglesias. A xogada nacera dunha perda do balón no centro do campo. Paisa non estivo nada acertado á hora de despexar o balón, que chegou a tocar. (captura: www.crtvg.es)

Tras o tanto vigués, o Racing viviu minutos de desconcerto, con contragolpes celestes profundos e moi perigosos. (captura: www.crtvg.es)

O equipo ferrolán xoga demasiado ao chou, ten pinta de equipo con substancia pero só fabrica pezas ocasionais, secuencias escollidas. Divirte en precario a unha bancada que se aburre. Ao mellor é o que toca este ano, ir un chisco a pé e outro camiñando, como na canción. Así a todo hai plantel para moito máis do que estamos a ver (lesións e carencias inevitábeis á marxe) e non é a primeira vez que o digo nin abofé será a última. Outra cousa é que a química funcione, as sensacións broten e todo o demais acompañe. Irase mirando xornada a xornada.
No partido, só cando o Racing adiantou liñas nas segundas partes de cada tempo obrigou ao Celta B a gardar as súas tropas no garaxe. Pero faltou continuidade e convencemento. Mentalidade de equipo modesto chámase iso. Case non tiramos a porta (unha das novidades boas deste ano) e estamos lonxe aínda de amosar autoridade sobre o campo. No acto final o Racing entrou con pachorra, divagou, xogou a aguantar, fixo un pouco de anti-fútbol e terminou regalando o empate nun tonto roubo do balón que culminou Borja Iglesias ante un Paisa, desta volta, moi pouco feliz. Pero logo, como os malos estudantes, deuse o atracón para reaccionar na procura da vitoria. Maceira fixo lucirse a Néstor nun sensacional disparo dende fóra da área. Mais o "bote" atopouno no minuto 87 o cordobés Cruz, frouxo nun lateral que tería que ser para a "perla" Pascual ou para o "romanés" Velayos se estivesen dispoñíbeis (alguén terá que dicir no club que pasa con Aitor Pascual, por certo) pero acertado no remate coa testa que aloxou o esférico na rede cando o empate semellaba o resultado final no coliseo do Sardina.

Un dos poucos tiros a porta con fundamento protagonizouno aquí Maceira, logo dun bo centro de Julio. Néstor respondeu con sensacional despexe. O Racing xa apuraba na procura do tanto da vitoria. (captura: www.crtvg.es)

Nun córner despexado defectuosamente pola retagarda viguesa, Cruz replicou coa testa impoñendo estatura e enviou o balón ao fondo da rede tras petar no pau esquerdo. Era o gol da vitoria. (captura: www.crtvg.es)

Tras o partido, Míchel Alonso desvelou a súa conversión á relixión do resultadismo por aquelo de que a xente mide todo polos resultados. O técnico verde non necesita entrar nesas adaptacións se ten claro o que quere para o equipo a medio ou longo prazo e confía plenamente no seu traballo e no resultado do mesmo. Claro que nin somos bos agora nin éramos malos antes! Somos o que facemos dende a 1ª xornada. Os resultados só indican canto entra a pelota nas porterías pero o xogo é outra historia. Sempre. Pode ganarse con pouco e perderse con moito. Pero xogando ben tenderase a ganar máis. E xogar ben é defender ben e atacar ben. E sempre como equipo. 
Falou tamén Alonso Naya das derradeiras cagadas de Poncio Pilato (prefectus da provincia romana de Xudea entre os anos 26 e 36 da EC, famoso por condenar a morte por sedición política ao rabino filofariseo Xesús de Nazaret) e do Bayer Leverkusen (cadro alemán con nome de aspirina efervescente) indicando que traballa co que ten e o Racing xoga como pode. Para reflexionar... Asumido que temos o que temos porque money manda; góstalle ao técnico de Caranza como xoga o seu Racing? Imaxino que non. Pero o interesante neste asunto sería que este equipo de profesionais xogue como quere o seu adestrador -porque non creo que xogue como a el lle gosta- e actúe sobre o campo como debe en determinados momentos. E todo iso é responsabilidade de técnico e xogadores a un tempo no traballo diario. Aínda que sexa para loitar por manter a categoría, se queremos poñérmonos dramáticos. Pero, ante todo, que os profesionais da histórica camiseta verde demostren que teñen sangue nas venas, que sexan por fin un equipo, que lle poñan un chisco de paixón, unha pinga de acerto e un pouquichiño de criterio. E logo que ganen ou perdan ou empaten porque así é o fútbol. Pero iso como mínimo. Non é moito pedir.

Míchel Alonso parafraseou ao lembrado adestrador cántabro Manolo Preciado (falecido en 2012) coa "comparativa" de Poncio Pilato e o Bayer Leverkusen para indicar que nin tan bo é o equipo agora que gana nin tan malo era antes cando non ganaba. (captura: www.crtvg.es)

Polo momento, o conxunto esmeralda suma dúas vitorias seguidas -isto non acontecía dende as xornadas 30ª e 31ª da pasada temporada ligueira- pero permanece á procura do xeito de xogar que o defina de verdade e debuxe a liña do seu porvir nesta liga 2016/17. Porque nin dos resultados se pode vivir para sempre nin se poden atopar resultados sen xogo. Mellorías no equipo? Si, pero moi poucas e máis individuais que colectivas. É mellor e máis saudábel aforrar en grilandas e autocomplacencias nestes casos. Iranos mellor para ter os pes no chan e sermos conscientes do que necesitamos de verdade e chegarmos ao porto desexado (sexa cal sexa, toque o que toque). Hai tempo para todo en cada estación do ano. E agora estamos no outono.



luns 19 setembro 2016

GANARON!

O Marcador Electrónico de FERROL É RACING.

Á quinta foi a vencida. Por fin. Dende o 23 de abril non lograba unha vitoria o Racing de Ferrol nun partido de liga e dende o 14 de febreiro non marcaba tres goles (o 0 a 3 de Pasarón). Asemade, por primeira vez na historia o equipo da Detroit española ganou un choque oficial na cidade castelá-leonesa de Palencia. E Joselu foi bi-goleador nun partido coa Verde por sexta vez dende que viste a nosa camiseta. Formidábel.
Os verdes tiñan unha inopinada proba de fogo no Nueva Balastera, onde xa xogáramos en 2009/10 pero contra o desaparecido C.F. Palencia. De non ganar ao pechaportelos Dep. Palencia Balompié (conxunto estreante na Segunda B nacido en 2011) os nimboestratos das dúbidas e os cirrocúmulos dos temores provocarían demasiadas sombras, unha seria probabilidade de chuvascos e un risco nada desprezábel de aparato eléctrico nos ceos d´A Malata. E iso, cando aínda estamos en setembro, sería tan precipitado como preocupante. Porque a preocupación da afección está fundada, pero a emisión de xuizos de valor de maneira prematura non tanto. Opinar si, pero non sentenciar. Aínda. Como lembrei na miña conta de Twitter días atrás, o Racing tivera un inicio ligueiro semellante ao actual na campaña 2014/15, e nela acabamos disputando a FA2 tras acadar un estupendo terceiro posto (e con opcións de conseguir o segundo até a derradeira xornada) por detrás de Real Oviedo e Real Murcia. E mentras a realidade non diga o contrario, temos un plantel de futbolistas apto para case calquera obxectivo esta temporada con independencia do que nos falta (porque nos faltan cousas, sobre de todo referencia e creatividade no centro e certo fondo de solidez defensiva). Así que carencias de fábrica, defectos engadidos, mancaduras sempiternas ou desacertos ocasionais á marxe, hai que confiar -non queda outra- en que o noso equipo será quen de manter a categoría, como titulei nun dos meus recentes artículos. Manter a súa categoría, a que se ganou nos últimos anos como un dos conxuntos importantes da división.

Na web do C.D. Palencia Balompié si saben (ou acertaron) cal é o noso escudo. Grazas, palentinos.

Ganouse en Palencia como estaba no imaxinado ou suposto guión pero falta moito para confirmar que este equipo é ganador. E iso non se verifica nunha semana nin nun mes. O triunfo en Castela pagouse cunha nova lesión, desta volta de Nano, aínda que agardamos que non sexa nada importante. O que menos necesita este Racing hipotético, soñado, formativo, posíbel, é convivir con ese lastre. Así que é de desexar que homes como Dani Benítez (que pode ser absolutamente clave para desbordar con calidade pola banda zurda) logren liberarse do meigallo -se é que houbese tal cousa- e entrar no equipo con rol e continuidade.
O partido na zona industrial da capital palentina confrontaba a dous equipos en apuros. O local, sen aínda puntuar, preñado de nomes máis ou menos coñecidos da Segunda B contemporánea (tamén preñado de veteranía, certamente) como Zarandona, Ibon Gutiérrez, Xavi Moré, Asier Arranz ou Diego Torres; pasou un verán absolutamente surrealista logo da felicidade do ascenso. Até catro adestradores tivo o Deportivo Palencia entre xullo e agosto -Santi Sedano, Gonzalo Arconada, José Aurelio Gay e o actual, Óscar De Paula-; houbo rumores dunha posíbel retirada da "división de bronce" antes de empezar por cuestións económicas; case non tivo pretemporada entre tanto balbordo (apenas disputou catro partidos); e todavía se atopa inmerso nunha situación institucional nebulosa. Nada novo baixo o sol dunha cidade moi inestábel futbolisticamente falando dende hai trinta anos. En Palencia ninguén sabe hoxe a ciencia certa quen forman parte da directiva morada, os socios piden explicacións ao presidente e queren saber cal será o futuro inmediato a todos os niveis. Na cidade do Cristo del Otero os clubs de fútbol son efémeros e a xente quere respostas e non un máis do mesmo. Falan de inversións, de proxectos varios, pero aí seguen os de De Paula, mentras tanto, soñando co seu primeiro punto ligueiro. Armas y Ciencia lese no escudo do club. Paciencia é o que necesita a súa afección. A embute.
Pola súa banda, o equipo visitante, o Racing, viaxou á Tierra de Campos para vencer dunha vez por todas e tomar un pouco de aire de cara a unha temporada que, chova ou brille o sol, se presume especialmente dura para os nosos. A vitoria sabe a normalidade, pero aínda queda moito por facer.
O triunfo, iso si, foi merecido e ben traballado. Non lle quita valor algún o feito de que o rival sexa o derradeiro da táboa. Nós tampouco estabamos (nin estamos) para festas e nada nin ninguén vai ser doado para este Racing que segue a ser unha absoluta incógnita a 19 de setembro. Así que o resultado é o principal dadas as circunstancias.

Joselu abriu e pechou en Palencia a lista realizadora dun Racing de Ferrol que non marcaba tres goles nun partido ligueiro dende o mes de febreiro. (foto: Jesús Sevillano)
 
Pese a empezar con moitas ganas e aproximacións á área palentina a cargo de Bicho e Joselu (o ribeirense foi o mellor dos esmeraldas, e non só polos dous goles que fixo) os da cidade do Carrión deron primeiro nunha xogada do hábil e talentoso Xavi Moré, cuxo centro dende a dereita foi enviado á rede polo arxentino Federico Ezequiel Inestal anticipándose por velocidade aos centrais. Outra volta os problemas defensivos ferroláns brillando con luz propia... Pasouno mal o once de Míchel Alonso co tanto recibido, pero Pablo Rey quixo apuntarse ao bo hábito de tirar a porta (por algo é un mestre na materia) e nos minutos 10 e 12 obrigou a Alejandro a estar atento, aínda que con tiros suaves. 
Os morados despregaban un fútbol agreste, cortante, mesmo destrutivo. Non querían bromas logo de catro xornadas perdendo. Polo lado dereito estaba claro que Xavi Moré podería dar momentos felices na soleada tarde palentina pero os de De Paula, unha vez que se viron co 1 a 0, optaron por impoñer moita orde no campo, conservar a vantaxe cun fútbol pétreo e saltar nalgunha contra. Lograron o obxectivo de impedirlle ao Racing claridade nos metros finais. Pero non que o encontro se fose decantando cara aos nosos. Progresivamente.
Os ferroláns souberon manter a compostura para traballar primeiro polo empate e despois pola remontada recuperando terreo, ganando espazo, tomando a pelota e mesmo amosando detalles de calidade. Non é nada doado voltear un gol adverso cando non andas ben. Xogaron os de Alonso Naya a gustarse, a dominar, pese ás dificultades que as "murallas" palentinas presentaban á hora de seren profundos e efectivos. Porén, mediado o primeiro tempo un moi activo Joselu conseguía as táboas nun balón longo que xestionou con estilo propio, cruzándoo ben ante Alejandro. E o propio crack de Palmeira tivo dúas ocasións máis pouco antes do recreo.
No segundo período cinco minutos decidiron o espectáculo, o 60 e o 65. Pablo Rey a centro de Adrián (que entrara por Álex Felip), pegándolle á rede de maneira directa segundo recibiu o esférico; e logo Joselu, con velocidade e determinación, a raíz dun roubo no centro do campo con contragolpe feliz. O match quedaba sentenciado para un Deportivo Palencia que acabou con dez homes no campo ao ver dous cartóns amarelos Diego Torres no minuto 75.
Tocaba ganar e cumpriuse o expediente. Polo momento, non o esquezamos, somos un equipo da parte baixa da táboa que acaba de dar a luz a súa primeira vitoria e fuxir das catro últimas posicións. A xornada trouxo o despertar da Ponferradina, o aviso do até o de agora durmido Tudelano e a firmeza do Racing de Santander e da Leonesa, co Lealtad e máis o Izarra como animadores xerais. 
A vindeira fin de semana visita Ferrol o Celta B. O reto será imponente: nada menos que marcar e ganar na casa. Será memorábel.

luns 12 setembro 2016

ENCEFALOGRAMA PLANO

O Marcador Electrónico de FERROL É RACING.

O subvencionado Racing de Santander deu onte domingo n`A Malata unha lección de practicidade e ideas moi claras sobre o céspede para levarse un triunfo -o primeiro que logra no coliseo do rego Sardina- que lle aúpa ao liderado logo de catro xornadas na liga da Segunda B. O Racing de Ferrol, dous puntos de doce posíbeis, un gol en 360 minutos disputados, caeu derrotado con merecemento porque foi unha triste caricatura de equipo, cun nivel colectivo por momentos pobrísimo e un escasísimo labor en pro dunha vitoria ligueira que non se consegue dende o 23 de abril pasado, en terreo do Celta B. E iso fóra de casa, porque en feudo propio os ex-merengados non ganan dende o 20 de marzo (ao Guijuelo).
Moi mal, meu Racing. Non teño a esta hora, e visto o visto, argumentos para dicir o contrario. Sería enganar e adornar. E os enganos e os adornos déixollos aos expertos en decoración de interiores, que viven diso. Sigo pensando que hai plantel suficiente para formar un equipo con aspiracións de estarmos, polo menos, na Copa del Rey a vindeira temporada. Pénsoo convencido. Mesmo para empresas superiores se é o caso. De verdade. Pero o problema a día de hoxe está en que no Racing o equipo, o bloque, o grupo, o cotarro, non asoma por ningures. Desesperante? Polo momento non, pero iso que se dá en chamar "as sensacións" nos fan xa estarmos atentos ás alarmas. Oito puntos sepáranos do primeiro posto. É o de menos con tanto que hai que facer. Corre setembro todavía. Si, pero... Pasan os días, os adestramentos (este equipo adestra de verdade?), as declaracións duns e doutros... E logo nada. Algúns falan de "melloría" en relación co (histórico) ridículo ante os amigos de Cintruénigo na Copa ou co empate contra a "potentísima" Mutilvera de Aranguren. Parabéns pola "melloría". Mais eu non a vexo, amigos. Fago o esforzo, créanme. Intento ser indulxente, asegúroo. Pero non sei onde está a melloría. 

Rumbos diferentes nos dous Racing logo de catro tiradas. O de Santander mirando ás alturas cun bloque traballador. Os de Ferrol máis perdidos que un pingüino nos trópicos. (foto: Mero Barral)
 
Míchel Alonso fixo unha tremenda "revolución" para o super partido entre aspirantes a estar arriba (ou algo así): probar con Pablo Rey como director de orquestra... Pero o loiro capitán, lenda viva da nosa historia, non é o que se precisa nesa laboura e non é a primeira vez que o digo. Que pasa? que non temos un xogador para esa tarefa. Sábeno até en Volgogrado. E se o hai no plantel haberá entón que traballar para adaptarse ao que se necesita. Bicho? pode ser. Ou non. Mentras tanto, o Racing nin está nin se lle espera no centro do campo e por aí nace un dos regatos que alimentan as súas lagoas (o outro é a debilidade defensiva). Falta oficio, presenza, posesión, creatividade. Créanse ocasións de gol (certo), pero... nin ao arco da vella, oia. Medo a errar? non creo.

A colocación dos cántabros foi unha das claves que anulou a un Racing de Ferrol sen electricidade. (foto: J. Peich)

Ver ao dianteiro centro Joselu baixando por balóns, escorándose á banda para centrar mentras ninguén é quen de facerlle un maldito pase en condicións ou subir a rematar (e xa non digo coa testa, que no Racing non sabe cabecear ninguén) é de coña. Pero películas así vímolas tamén en campañas anteriores. O de Ribeira intentou buscarse a vida no partido, co seu estilo, coa súa clase, e cos inevitábeis erros. Pero foi do pouco salvábel. Ver a David Bandera desaparecer en combate (tras comezar ben) como unha bailarina rusa que perde a zapatilla é de risa. A un sempre estresado Álex Felip máis preocupado en corrixir e contarlle cousas a Paisa (o mellor do Racing onte) que en centrarse en conter e darlle unha saída calma ao balón causa estupor. E a defensa? artistas do método? Pero isto que é? Temos calidade? Cóntanme que si pero cando cae a noite empezo a dubidar. Para ganar necesitamos máis cousas. As que teñen os que ascenden. Máis cousas, insisto. E todas empezan pola letra C. Correr ou coordinación son só dúas delas. As demais déixollas escoller as vostedes. Xa me entenden... Polo de agora, e para celebrar estas marabillosas catro xornadas celebradas eu establecería oito subidas e oito baixadas a Chamorro correndo cada día. Anoten. E dezaseis cando se perda.
Os de Ángel Viadero semellaban neste descafeinado "clásico" un futbolín, con todos os monecos aliñados á perfección, defendendo e tapando, sacando e presionando, cubrindo e saíndo con velocidade á contra. Sen cegar, sen fascinar, pero con fundamentos asentados, con ganas, con mordente. Héber, ex verde, foi branco de asubíos dalgúns afeccionados. Lei do fútbol. Coulibaly estaba incrustado no vecindario defensivo ferrolán para meter medo e entreter á comunidade mentras deixaba espazo vital a Aquino para pintar e barnizar a fachada como quería. E Peña e Granero dirixindo o tráfico. E nós tras a pelota. Eles chegando arriba máis e sobre de todo mellor. Fútbol cochinero, sen velocidade, sen brío, nos nosos. Tardando. Observación de partido e xestión dos lances absolutamente impecábeis nos visitantes, que teñen máis calidade na zona ancha. O partido era un acordeón e o sonido era case sempre cántabro. A iniciativa verde previsíbel, lenta e mesmo ficticia. O verdadeiro control, visitante.

O ferrolán Héber penetrando polo lado esquerdo nun ataque santanderino no 1º tempo. (foto: J. Peich)
Tres secuencias da dobre ocasión de Joselu do 1º tempo, con deixada de tacón de David Bandera previa. Mereceuse un gol aquí. (capturas: www.crtvg.es)

Porque, agás a boísima ocasión de Joselu no 1º tempo (acredora a un gol, todo hai que dicilo), os verdes aburriron a Iván Crespo, o porteiro santanderino. O Racing ferrolán non tiña profundidade nin cando o rival oprimía as torcas nin cando se relaxaba. Dar tres pases con mobilidade, con incorporacións, inventando espazos, explorando ocos, fundando colonias en campo rival non se contemplaba. Fútbol máis ben estático, preñado de dúbidas, de erros de patio de colexio, era o menú. Fútbol sen alegría, monocromático. O ritmo verde era como un nocturno de Chopin. Para durmir. Os santanderinos, en troques, estaban máis atentos a todo, corrían cando tocaba, despexaban sen dubidar e montaban contragolpes sen burocracias. Deixaron aparcada a "calidade" e seguiron os camiños seguros para ganar. Semellaba que o Racing de Santander estaba xogando un partido de liga da "división de bronce" e o Racing de Ferrol estaba de convidado nun campus para nenos onde os que xogaban eran como nenos aprendendo a xogar (sen éxito) ao fútbol.

O primeiro paradón de Paisa no partido. (captura: www.crtvg.es)

O segundo paradón do gardameta verde. (captura: www.crtvg.es)
 
Paisa sumou dúas mans salvadoras máis ao seu repertorio "mesiánico" desta semana. Xa leva catro nos dous últimos partidos oficiais o rapaz cántabro. Ben por el. Pero na caída do 1º tempo, cando se aproximaba o descanso deste acre e desigual partido (xogado en familia, para variar), o cántaro rompeu na fonte ferrolá e Granero, un dos importantes do equipo de Santander, sacou tallada á pasividade defensiva para poñer, con calidade executoria, o 0 a 1. O gol, nacido dun centro de Héber, non foi máis que a consecuencia da efectividade dun Racing santanderino que cando chegaba o facía de verdade.
O primeiro tempo resúmese doadamente: defensa xeométrica, orde total e contragolpe perigoso nos forasteiros. E eterna divagación coa pelota (e sen ela) dos pobriños ferroláns. 

O Racing de Santander chegou con máis claridade aos dominios de Paisa no 1º tempo, atopando unha defensa ferrolá por momentos indecisa. (foto: J. Peich)

Os ferroláns chegaron pouco á área visitante no 1º período, pero non souberon aproveitar algunha ocasión clara, como a de Joselu. (foto: J. Peich)



Tres imaxes do gol de Granero. (capturas: www.crtvg.es)

No 2º tempo, a mellor ocasión ferrolá estivo nas botas de David Bandera. Dende aí disparou á trabe. (captura: www.crtvg.es)
 
Os nosos están tocando moito en campo propio e empezan a abusar cada vez máis do pase atrás. Sinal da falla de ideas. O balón non flúe, non circula, e a xente non se move. Cunha pésima colocación en moitos momentos (non o viu Míchel?), con xogadores camiñando pola herba moi pouco metidos na lea (sobre de todo en alarmantes segmentos do 2º tempo que fixeron brotar asubíos dende as bancadas); o noso Racing foi unha colección de selos pegados con saliva no álbume. Cada quen foi polo seu lado intentando deixar migallas particulares para ver se con iso se elabora un bo pan de molete. Pero o pan de molete ten moito miolo segundo din os expertos e este Racing non o ten. 

A Míchel Alonso non lle está a saír nada no seu regreso ao banco d`A Malata. (foto: Mero Barral)

Reina neste aburridísimo e terceiradivisionista Racing unha falla de actitude sorprendente. E por se todo ese panorama fose pouco, cando se dá a circunstancia impresionante de aproximarse con perigo á porta rival (David Bandera mandou un balón á trabe no 2º tempo) demostramos unha absoluta negadez porque nos metros finais somos máis brandos e inocentes que un pelotón de querubíns.
Todo isto pode que só sexa discutíbel pero hai algo moi claro: os xogadores do equipo da Detroit española semellan moi cansos. Cansadísimos. No 2º tempo, cando había algún parón, buscaban botellas de auga para beber como cosacos e deron ganas de tirarlles unha solidaria cantimplora para que non morresen deshidratados polo ímprobo esforzo.
Falta esquema, falta físico... Falta, sobre de todo, confianza. Vese que o equipo está acovardado, sen convencemento nas súas posibilidades. Sen liderado dende diversos sitios do campo. Sen sangue no corpo, ás veces. O Racing está en serio risco de acabar atrapado nun bucle de negatividade e iso sería letal de cara ao futuro. 
Toca sufrir e insistir. Non queda outra. Tempos virán que cambien a situación. En Palencia haberá que ganar si ou si. Así que felices subidas a Chamorro!  

xoves 08 setembro 2016

O ATLÉTICO CIRBONERO FAI HISTORIA EN FERROL

O Marcador Electrónico de FERROL É RACING.

O Racing de Ferrol quedou apeado da Copa del Rey tras perder onte n`A Malata por 4 a 5 na quenda de penaltis diante o Atlético Cirbonero, perigosísimo conxunto que xa deixara fóra do "torneo do K.O." á adiñeirada Ponferradina polo mesmo procedemento. O equipo de Cintruénigo, que na actualidade ocupa a 12ª posición na Terceira División navarra, sumou unha fazaña máis á súa modestísima traxectoria como club de perfil familiar, de espírito amateur, que é. Mesmo levou consigo a Ferrol a un grupo de valentes e animados afeccionados que, entre alavíns e alavás, berraron dende a Tribuna (grada única para o choque, igual que contra o Zamora) aquelo do ¡sí se puede! convencidos de que era posíbel eliminar a un Racing ferrolán sen capacidade para resolver as súas dúbidas, a súa puntería. Un equipo que vive do nome pero demostra aínda moi pouco nos terreos de xogo nestes últimos compases dun verán que xa se disolve definitivamente concedendo espazo á espesas néboas, viruxes varios e doces chuviscas con recendo a outono... O equipo navarro, señoras e señores, o clan dos Chivites e os Zardoyas, a escuadra da vila do alabastro antes de que a burbulla do ladrillo acabase coa diversidade, a localidade das alubias pochas e os huevos escalfados (por dicir algo do Atlético Cirbonero e de Cintruénigo, enténdase a idea); que por vez primeira visitou a Detroit española para confrontar oficialmente connosco, fixo historia n`A Malata ao ser o primeiro que, militando no cuarto nivel da Liga, é quen de eliminar ao Racing nesta competición. A Copa del Rey é así de grande, máxica e sorprendente. Probabelmente nunca o saberán os cirboneiros, a non ser que lean este artículo. Pero, así a todo, afrontarán con infinita ilusión o reto de superar a terceira rolda, a que forma bolboretas no estómago, a que é antesala do premio gozoso de emparellarse cun millonario de Primeira. O Villanovense estremeño, do que temos un gratísimo recordo os racinguistas (que noite a daquel día na pataqueira de Villanueva de la Serena!), viviu esa emoción ante o Barcelona a pasada temporada. Quen sabe a que porto chegarán os rapaces dese club do extremo sur de Navarra que, por non ter, non ten nin páxina web oficial!

Unha acción do At. Cirbonero na área ferrolá. Os navarros fixeron pouco ofensivamente, pero contaron con varias ocasións moi claras de marcar. (foto: J. Peich)

O partido respondeu ao que se adoita agardar dunha eliminatoria do Campionato de España. Nervios, prudencias e heroicidades privadas, alternativas, fútbol arrítmico, incertidume. Todo a noventa minutos, e senón trinta máis, e senón penaltis. Con chuvia e sen ela. As forzas iguálanse nestes eventos, as bancadas cobran vida, as oportunidades de levarse o partido se socializan cando o presunto grande dubida ou divaga e o presunto pequeno ten fe. Os dous tiveron billetes para a 3ª rolda. O Racing xogaba a dominar e o At. Cirbonero xogaba a resistir. Pero 120 minutos dan para moitas interpolacións. E a fin de contas, despois de tanto baile, os tiros dende os once metros pecharon a celebración.
Sinceramente creo que este aínda indefinido Racing, pese a xogar de maneira moi incompleta, sempre intermitente e sen un patrón claro, mereceu grosso modo a vitoria. Tivo máis ocasións de marcar que o At. Cirbonero, e algunhas moi claras. Pero o fútbol son momentos e as ocasións non son selos de correos para coleccionar. Ou as transformas ou non valen absolutamente para nada. E, asemade, os amigos navarros tiveron tamén as súas arrincadas, os seus roubos de balón, as súas chegadas aproveitando a ocasional verbena defensiva ferrolá. O Racing mandou claramente, con faíscas individuais pero penumbra colectiva. E, mentras evolucionaba sobre o céspede apelando á paciencia, ía deixando pasar unha ocasión tras outra. Involuntariamente, por descontado.  

David Bandera e Joselu intentaron constituír una sociedade cooperativa pero a burocracia dun equipo en formación e o bo labor defensivo dos cirboneiros impediu os froitos. (foto: J. Peich)

David Bandera amosaba moita mobilidade, ofrecíase, desmarcábase, tendía pontes con Joselu. Estivo moi activo o leonés, sobre de todo no primeiro tempo. O de Ribeira, pola súa banda, ensaiaba posturas e posicións de tiro abríndose paso e espazo ante a sempre poboada e rochosa defensa forasteira. Joselu era como o televisivo Curro Jiménez oteando a serra dende o seu cabalo, dando reviravoltas para ver a quen pasar o balón, por onde avanzar. Pecou de pensalo demasiado ás veces pero estivo presente en case todos os balóns enviados ou teledirixidos á área navarra. Intentou sempre procurar remates e nunca deixou sen traballo aos Álvarez de Eulate, Mincharro, Isi e compañía.  
Álex Felip pedía celeridade ao persoal e tamén balón, con asubíos informativos a Paisa cando se dispoñía a sacar ou erguendo as mans aos seus compañeiros. Con firme vocación de ser o xefe da liña propia de 3/4, deixaba o castellonenco pingas de calidade e corrección de estilo nas zonas de contención. Pero o centro do campo verde era, un partido máis, un deserto creativo. Alí non reinaba ninguén. Aquelo era a Tikdabra de Vázquez Figueroa en Tuareg. O At. Cirbonero estaba cómodo pero implicado no seu covelo e o Racing probaba sabores diversos, improvisando, reiventando, insistindo, errando, pero faltáronlle fundamentalmente axuste e acertos. Case nada. Polas bandas moi pouco que comer. Polo medio David Bandera, como queda dito, intentaba unir á familia en torno á mesa mentras non aparecese Bicho, pero os branco-azuis eran altos e fortes e o Racing ten que tomar máis Cola Cao se quere ser campión... Unhas veces ter menos precipitación e outras ser máis decidido. Aí estaba parte do desaxuste. E como non había un fútbol de fábrica nin convenio colectivo senón pelotazos e aportacións individualizadas; bosquexos, si, dun posíbel fútbol futuro; e vontade -indubidábel- na agrupación; o tempo corría a favor dos rivais e a chuvia non refrescaba as ideas a ninguén.
O cántabro Paisa, que substituía ao mancado (e recén operado) Mackay, estivo brillante, especialmente con impresionantes mans salvadoras ante David González -que marchara cara á porta co balón tras un erro de Català e Cruz- e ante Alayeto, que remataba un centro en excelente posición para marcar. Pero o encontro tivo momentos para todo e máis. Non foi lineal nin monográfico. Era un match de Copa e iso ten un plus. Especialmente no 2º tempo, antesala do longo desenlace da noite. 
Instantes houbo para ver ao Racing collendo, de súpeto, o punto de rabia e velocidade do que carece aínda, ben fose con aparicións de Sergio Martín para debuxar liñas de pase, con saídas de Adrián, cos cornetazos dun intensivo Álex Felip ou coas xenialidades de Bicho, que entrou na festa por un anódino Brais e volveu a armala. Bicho é unha culebra sobre o campo, levando a pelota como quere. Pulsa o botón e o fútbol se acelera e amplía. Necesita adhesión pero o Racing aínda ten andamios na obra. 
Había tamén momentos de curiosa caída de tensión, mesmo de control visitante, e víase aos xogadores cirboneiros case asustados de seren quen de facer sláloms entre a defensa local, de achegarse aos dominios de Paisa. Tempos de correrrúas conforme a luz dos electrónicos indicaba que a prórroga era unha ameaza real. Minutos de balbordo global e de chegadas ás áreas con perigo. De fútbol emocionante e de todo o contrario. E Víctor Vázquez, lenda viva atrás, tamén tivo o seu momento "marca da casa". Entraba no 64' para axudar a poñer couto aos contragolpes cada vez máis aloucados -e que, polo tanto, incitaban a un erro fatal que resolvese o partido- dos cirboneiros. E tanto empeño puxo na empresa que só durou dez minutos sobre a herba o bo de Churre. No 74' viu o segundo cartón amarelo (por protestar o primeiro) e quedaron dez verdes no rectángulo. Todo semellaba apuntar a un triunfo final pola vía da épica. Xa non xogaban un equipo da Segunda B con bitola e aires de grandeza (que aínda están por demostrar nesta temporada) contra un modesto "Terceira" da navarra profunda, non. Aquelo era unha batalla en campo aberto, sen excesivos galóns pero na que todo o mundo buscaba o mesmo. O gardameta do At. Cirbonero era lento como un taxista á hora de mover a pelota. Había intres nos que semellaba non querer sacala. O Racing pensando e non chegar á prórroga, por aquelo de afrontar o "super partido" contra o Racing de Santander sen excesivo cansazo. A afección de Cintruénigo dándoo todo en ocasionais coros e danzas que tiñan como contrapunto unha versión de mércores dos Diablos Verdes. Chicho Vázquez, técnico branco-azul, protestándoo todo na banda como mandan as Sagradas Escrituras e Míchel Alonso hierático e observador. E a fina chuvia acompañando. E os minutos pasando.
Igual que ao fío do descanso, o At. Cirbonero puxo fin aos noventa regulamentarios cunha ocasión desas de levarse as mans á parte alta da cabeza e berrar Oh Señor! Nós tamén tivemos algunha desas. Pero ao final: cero a cero.

Dende a edición de 2003/04 non disputaba o Racing unha quenda de penaltis no Campionato de España. Desta volta a sorte foise para Cintruénigo como naquela temporada viaxaba a Vitoria. (foto: J. Peich)
 
Eu considero que é bo que o fútbol se modernice naqueles aspectos que sexan pertinentes e non o desvirtúen. Un deles é o xeito de resolver unha eliminatoria. Sempre me preguntei porqué ten que ser lanzando penaltis. Resulta máis xusto que, tras a correspondente prórroga, decida o número de córners botados por cada equipo logo dos 120 minutos. Lograr un córner é, probabelmente, o máis parecido a marcar un gol. É forzar ao equipo que defende a ver como a súa liña de fondo é superada e o que ataca gana un saque natural dende o cal pode colocar o balón en situación de remate a porta. Mesmo de marcar directamente. Pois ben, nas eliminatorias debería de ensaiarse (xa se usou algunha vez ese sistema na historia do fútbol) o cómputo de córners. Así, transcorrida a prórroga, se esta non soluciona que equipo se clasifica, que sexan os saques dende os currunchos feitos por cada contendente os que decidan. Iso estimularía o fútbol de ataque e borraría dun plumazo o xogo especulativo. Se estás na prórroga e sabes que sumas catro córners e o teu rival ten seis, terás dobre motivación para atacar: intentar marcar un gol e/ou forzar córners.


video
Video dun dos penaltis tirados polo Racing. (J. Peich)


Os penaltis errados por Joselu e Álex Felip. O Racing chegou a estar cun 4 a 2 na quenda, pero acabou perdéndoa por 4 a 5. (extractos: video J. Peich)
 
Pero no nome da emoción que supón unha quenda de penaltis imaxino que será difícil que ese sistema se chegue a impoñer. Emoción, si, pero tremendamente inxusta polo que ten de arbitrario desenlace.
Na da pasada noite foi o At. Cirbonero o vencedor. Marcaron polos nosos Cruz, David Bandera, Bicho (de xeito espectacular, por certo) e Sergio Martín; e erraron Joselu (demasiado suave, aínda que tirou ao medio) e Álex Felip, aos cales o porteiro navarro lles ensinou a man. Polos branco-azuis "mollaron" Álvarez de Eulate, David González, Hualde e Cubilla, enviando á trabe o seu tiro Rodrigo. 
Agora só toca pensar no Racing de Santander e na liga. Que non é moco de pavo nin un nin a outra.

domingo 04 setembro 2016

GRAVÍSIMA MANCADURA DE MACKAY EN ARANGUREN NO EMPATE DO RACING ANTE A MUTILVERA

O Marcador Electrónico de FERROL É RACING.

Logo da "proeza" de eliminar polos pelos a un bo Terceira como o Zamora na Copa del Rey o pasado mércores, o Racing de Ferrol asumía a excursión ao municipio navarro de Aranguren co firme propósito de obter a primeira vitoria ligueira. A U.D. Mutilvera, outro cadro recén ascendido (como o Caudal), semellaba ser un rival propicio -é un dicir- para tal "fazaña" nesta terceira xornada na Segunda B
Mackay mancouse a trece minutos da conclusión do encontro.
Pero non. O equipo verde segue a amosar os mesmos problemas que nas dúas semanas anteriores. Demasiado feble atrás e con escasa pegada diante. O salientábel onte á tarde no lugar habitado (un dos tipos de entidade de poboación que pode ter un concello en Navarra) de Mutilva foi a reacción temperá ao gol inicial dos locais. Joselu asinou o gol, o nº 2.100 do Racing na "división de bronce" e o primeiro no que vai de curso ligueiro. Pero aí quedou a cousa na moi calorosa xornada laboral no sintético de Mutilnova. E daríamolo por bo -un punto fóra de casa ante un recén ascendido é todo un puntazo...- se non levase engadido o suceso máis doloroso e demoledor do que levamos de temporada: a mancadura de Ian Mackay. Á espera do diagnóstico médico todo semella indicar que podería tratarse dunha rotura do tendón de Aquiles esquerdo. Iso equivalería a falar de moitos meses de baixa para o noso super gardameta. Ogallá que os médicos dean a vindeira semana boas noticias cando comproben o alcance da lesión do coruñés. Por el, e polo Racing, así o esperamos de todo corazón.
O partido ofreceu a un cadro, o de Míchel Alonso, disposto a ter máis o balón que o seu rival. E nos primeiros vinte minutos soubo traducir ese relativo control en aproximacións, pero sen acerto final algún. Ao cuarto de hora toda a media verde cociñou unha boa combinación pero o centro de Bicho quedou sen postre. E mediado ese primeiro tempo houbo un remate que marchou fóra por pouco nun córner botado por Cruz. 
Non era gran cousa, pero o Racing formativo estaba aí. Porén, como a néboa en Inglaterra ou na Serra da Capelada, de súpeto todo cambiou. Un centro do amigo Sebas foi enviado á rede coa testa polo amigo Ibero poñendo en evidencia á manteigosa liña defensiva dos da Detroit española. Menos mal que Joselu salvou os mobles cun disparo que devolvía as táboas dous suspiros máis tarde.
E aí acabou toda ou gran parte da película en feudo foral. Sobre a herba de mentira de Mutilva Baixa non houbo máis noticias que cartóns amarelos para os nosos até o tempo de recreo.
No segundo período o Racing empezou tirando a porta sen miramentos, hábito sempre saudábel (e moi necesario cando non hai demasiadas ideas). Sergio Martín primeiro e Joselu despois, foron os executores. A acción do de Ribeira foi particularmente boa, pois exixiu moito a Edu, gardameta mutiloarra, para sacar o balón a córner. 
Mais, en realidade, pouco máis deu de si este anódino partido presenciado por moita xente para o que é habitual na maltratada Segunda B española. Abofé que o descanso habido na 1ª División por mor dun encontro da selección española tivo a culpa. Non houbo fútbol a só 1,4 kms de Mutilnova, no terreo osasunista de El Sadar. A distancia que hai en Ferrol entre os xardíns de La Ranita, no porto, e Pza. Callao.
A modestísima Mutilvera, fiel a un estilo futbolístico marcado pola tradición xeográfica á que está adscrito e con notoria cultura de canteira, mantivo con dignidade a raia a un Racing de Ferrol sen luces de posición a estas alturas do tinglado ligueiro. E mesmo probou fortuna nalgún tiro como o de Baquedano aló polo minuto 69, que se foi lambendo o pau. No lado verde, Adrián, Bicho, Joselu e Pablo Rey argallaron unha xogada con remate final do loiro capitán sen premio.

Así recolle o árbitro do encontro, o vasco Daniel Palencia Caballero, a mancadura do gardameta racinguista. Por mor dos tres minutos que foi atendido no campo antes de marchar substituído por Paisa o 2º tempo tivo unha ampla prolongación.
 
Insisto en que todo quedaría nun insípido aínda que positivo empate a domicilio de non ser pola lesión de Mackay, que ensombreceu todo. Aconteceu no minuto 77 e nunha acción propia, sen concurso de xogador rival. Mackay decatouse axiña de que era grave e foi atendido durante uns tres minutos, sendo substituído finalmente por Paisa cando restaban dez. "Tengo roto el tendón de Aquiles. Estoy hundido", declarou tras o partido. Todos o estamos se perdemos a Mackay por toda a temporada. Así que só queda esperar que o alcance real da mancadura aminore o máis posíbel as sospeitas e os temores que esta madrugada nos embargan.
Forza e ánimo, Ian!

xoves 01 setembro 2016

O RACING DE FERROL REDESCOBRE O SABOR DAS VITORIAS ANTE O ZAMORA

O Marcador Electrónico de FERROL É RACING.

Dende o 23 de abril pasado non ganaba un partido oficial o Racing de Ferrol e onte mércores n`A Malata logrou regresar ao camiño dos triunfos deixando na cuneta da Copa del Rey ao Zamora, conxunto de Terceira co que xa confrontara nesta mesma competición tal día coma hoxe, 1 de setembro, hai dezasete anos. Daquela rexistrábase vitoria branco-vermella no antigo campo zamorano de La Vaguada. Mais para compensar (abondo) o sabor amargo da eliminación, os verdes acabaron ascendendo á Segunda División ao término desa campaña.
No choque desta noite houbo goles, erros, acertos e algunhas actuacións brillantes. Tamén momentos de tensión, inherentes á estraña emoción dos mércores copeiros. Reivindicacións individuais no marco da necesaria progresión colectiva, ganas de empezar a ganar e esperanza. E sempre traballo por diante, porque queda marxe de mellora. Este Racing en formación ensina Pokemons da ilusión e meteoros de futuro (que non bolboretas no estómago, xa chegará o momento) e fragmentos e pasaxes de calidade de potencial aplicación. Pero sen continuidade aínda. Sen o ritmo sostido ou a intensidade esperada. Onte era agosto todavía... Por moitos meteoros que voen, o presente hai que disputalo cada partido aquí na terra. Contra o Zamora tocaba abrir xa a nómina de goles e triunfos da presente temporada para que non florecesen as malas herbas e o obxectivo quedou cumprido.

Velayos por fin puido estrearse co Racing. (foto: Mero Barral)
Míchel Alonso reservou dende o comezo para este encontro, o nº 174 no "torneo do K.O." para o Racing ferrolán, a Mackay, Cruz, Català, Pablo Rey (estes tres últimos acabaron entrando cando se necesitaba reforzar a "muralla") e David Bandera, todo a cabalo entre a clásica rotación liga/copa e as "probas de mar"; fixo debutar coa Verde a Velayos logo de que a federación romanesa enviase -por fin!- o dichoso tránsfer internacional que permitirá ao xogador español xogar en España (as cousas da FIFA e a lexislación deportiva vixente...); e ante tanta "repoboación" recolocou a Sergio Martín no downtown do equipo. O granadino, desta volta, aproveitou moi ben a oportunidade brindada polo de Caranza marcando un gol soberano de tiro de falta para abrir a noite. O primeiro oficial de 2016/17.

Bicho foi o xogador máis destacado no Racing de Ferrol neste compromiso copeiro ante o Zamora. (foto: Mero Barral)

Pero un home foi protagonista especial no evento ferrolán-zamorano: Javier Fernández Bicho. O coruñés implicouse na tarefa eliminatoria como poucos. Marcou o gol que despexaba o camiño cara á 2ª rolda mediado o período final e participou en case todo o repertorio creativo e ofensivo do equipo. Que bonita a xogada do minuto 24, dous despois do tanto de Sergio Martín e dous antes do primeiro dos zamoranos, terminando cun tiro lixeiramente desviado un man a man logo dunha estupenda triangulación! O ex xogador do Compostela traballou coas ganas, o talento e a fame de éxito adheridos á camiseta. Esquiador sobre a herba, driblando e amosando una mobilidade irreprochábel, deixou un moi bo sabor de boca en sintonía coa prometedora bitola da que viña precedido. Importante é que a xente do cadro esmeralda vaia collendo confianza e as "conexións" empecen a dar froitos como, por exemplo, no bo entendemento entre o intrépido Maceira e Bicho neste partido.
O Zamora case me gustou máis que o Guijuelo. O mundo ao revés, aínda que a Copa é outro planeta. O cadro castelán-leonés poderia parecer un equipo "agridoce", por aquelo de ter un Jarabo e un Caramelo, pero a balanza estivo máis preto disto último. Caramelo marcaba cunha parábola sensacional un gol moi doce para os intereses branco-vermellos, replicando sen vergonza o de Sergio Martín. Os zamoranos provocaron máis situacións incómodas á retagarda verde do previsto, aínda que pasaron máis da metade do xogo protexéndose. No 1º tempo, a explosividade dos minutos iniciais, con goles de fermosa feitura e outras rechamantes mostras de empeño mutuo para deleite dos centos de afeccionados concentrados na Tribuna; deron paso a un terraplén no que o Racing demostrou que todavía está demasiado obtuso no escenario final, incompleto no labor de conxunto. Un Racing que foi a menos ante un rival que defendeu o 1 a 1 con convencemento. Estaba claro que ao Zamora non se lle ía ganar nunha hora.
Na reanudación o partido esmendrellouse. Era sabido. Xa non houbo frescura, nin ideas definidas nin xogadas dignas de tal nome. Como ante os porcinos do Guijuelo, o Errejota correu serio risco de rachar ante tanto balonazo. O espectáculo entrou nesa atmosfera típica dunha eliminatoria na que só queda ver quen comete o erro para resolvela. Nos primeiros compases, mesmo estivo a piques de poñerse por diante o Zamora por medio dun Viti que, como Mario Dimas o domingo pasado, perdoou ante a porta ferrolá. Por sorte, os nosos despertaron, con Bicho mandando e Julito Delgado poñendo a velocidade que aínda non ten colectivamente o Racing. E mentras Míchel poñía ladrillos para evitar sustos; en oito minutos Bicho e Julio (a pase de Joselu) resolvían con dous goles. E iso que o gol postremeiro do Zamora, que colocaba un 3 a 2 perigoso a once minutos do remate, fixo que n`A Malata todo o mundo acabase pedindo a hora, sufrindo como un cosaco en xornada laboral. 
A vitoria ten que ter un efecto psicolóxico de cara á Liga para que nesta competición chegue tamén o primeiro triunfo. Será, así o agardamos, en Mutilva, o domingo que vén. E na Copa, o mércores próximo contra o Atlético Cirbonero de Cintruénigo, que deixou fóra de combate á Ponferradina. Máis oportunidades para ofrecer, pouquiño a pouquiño, novos meteoros.

luns 29 agosto 2016

PÍLULA DE TEMPO E CATAPLASMA DE TRABALLO

O Marcador Electrónico de FERROL É RACING.

O Racing de Ferrol perdeu onte domingo diante do Guijuelo na 2ª xornada ligueira da Segunda B no que foi a primeira vitoria porcina A Malata nas seis visitas tributadas até o momento á Detroit española. Asemade, os verdes de Míchel Alonso ocupan agora a posición de Promoción de Permanencia, algo que non acontecía dende a primeira tirada da pasada temporada, e ollan o primeiro posto -que ostenta o Izarra estellés en solitario- a cinco puntos. Por sorte, a estas alturas, todo isto é mera anécdota.

José Ramón Arteche falecido o día 21, foi lembrado antes do encontro. (foto: Mero Barral)

Diablos Verdes despregaron esta pancarta durante o minuto de silencio por José Ramón Arteche. (foto: Mero Barral)

A derrota non tivo todos os boletos para ser calificada como xusta, pero o rochoso e simplón Guijuelo, un dos cadros máis frouxos que xogaron no coliseo do rego Sardina nos últimos tempos, soubo aproveitar un erro local de perfil infantil para levarse o premio. Así de tonto, así de sinxelo. O partido, celebrado case en familia e con versión curta de minuto de silencio en lembranza de José Ramón Arteche, foi infumábel, especialmente nun 1º tempo no que o xogo foi, polas dúas partes, unha auténtica zarangallada, con pases sen sentido, disputas en palmos de terreo, caídas, balonazos e outras lindezas. Vemos a un Racing aínda mesto e lentísimo, sen capacidade para dar máis de tres pases seguidos, sen brúxula no centro de campo e un pouco de actitude contemplativa nalgúns xogadores. Houbo, si, vontade e bocetos pero sen acoplamento ningún (está en formación, como di todo o mundo). E vemos a un Guijuelo ultradefensivo, coa posición moi estudiada, o concepto da presión bastante asumido e a atención ao xogo a flor de pel. Pero fútbol cero. Gustoume o lateral dereito Raúl, un dos poucos que se manteñen da campaña pasada na entidade guixuelense, na que o ex racinguista Jonathan continúa incombustíbel.

A duras penas salvou Kike este tiro de Pablo Rey, que xa probara antes culminando unha xogada nacida dun centro de Dani Benítez. (captura: www.crtvg.es)

Ocasión de Manu Dimas para o Guijuelo ao pouco de empezar o 2º tempo, ben respondida por Mackay. (captura: www.crtvg.es)
 
No segundo período deste deplorábel simulacro de partido non variou demasiado o menú. Empezou con susto para nós, a cargo do canario Manu Dimas, que tivo unha ocasión impresionante para adiantar ao equipo castelán-leonés. Pero Mackay, sempre Mackay, salvou a moblaría.
Coas entradas do burelense Julio e do coruñés Bicho o Racing ganou un pouquichiño de electricidade e mesmo chegaron algúns minutos de acoso constante sobre a porta dun Kike que deu todo un "espectáculo" baixo os paus, con despistes e imprecisións que non foron aproveitados (mágoa!) polos nosos. O Racing meteuse presa, foi máis vertical, insistente e mesmo contundente. Pero na área rival a néboa segue a impedir que os barcos entren a porto. O motivo, o comentado. Estamos en formación. Pero con formación ou sen ela é evidente que falta mobilidade e concentración. Non estivemos todo o atentos que a faena exixía. O Guijuelo si. Será cousa de adestrar máis e mellor, ou de subir correndo a Chamorro polas tardes... Tivemos, certamente, ocasións para marcar (de Joselu e Pablo Rey sobre de todo) e algún balón facendo excursións diante da porta salmantina pero o tanto de Aitor Aspas, que entrara no céspede doce minutos antes, chegou cando menos se esperaba e puxo fin a esta película, unha verdadeira españolada. Porque xa non houbo máis que un fútbol fragmentado e falto de fe nos nosos. Polo menos non reventou a pelota, como pasou no Celta B-Racing de Santander. Será que non lle pegamos o suficiente. Ou que a Errejota non se deixou pegar.

En pleno dominio ferrolán, mediado o 2º período, Joselu tivo esta clara oportunidade de marcar. (captura: www.crtvg.es)
 
Vin poucas cousas alentadoras no meu equipo. Aínda loce o sol de agosto, si, pero non hai que durmirse nos loureiros que os meses pasan axiña. Ollei, tamén o digo, detalles diferentes ao das temporadas 2014/15 e 2015/16 (e non é o primeiro partido). O Racing tarda menos en cortar as accións rivais cando éstas cruzan a "liña vermella". É un pouco menos pachorrento nas xestións defensivas e a retagarda despexa os balóns sen perderse en papeleos innecesarios. Isto é algo importante. Sacrificar o postureo e a elegancia sobre o céspede en favor da practicidade, auténtica "forma política" do réxime da Segunda B que tamén serve (vaia se serve!) para estar arriba e mesmo para ascender. Iso non quere dicir que sexamos o Muro de Adriano atrás. Encaixamos demasiado. Trece goles en once partidos. Xa sei, aí van choques con rivais de categorías diferentes, entre bolos e partidos de liga, pero que recibimos demasiados goles é un feito. Aínda persisten algunhas herdanzas da campaña pasada, pero en menor medida. Por outra banda, o equipo ten menos toque (perde menos tempo tocando o balón, vaia) pero dá a sensación de que toca (ou vai tocar) mellor. Digo que dá a sensación, porque o Racing aínda non é un equipo. Cando logre selo, quizais todo iso se manifeste de xeito fluído, definido e sostíbel. Que non tarde. 

Dani Benítez demostrou a calidade que ten. Ogallá que a lesión non o teña afastado moito tempo dos campos de xogo. (foto: Mero Barral)
 
Ben Dani Benítez polo extremo zurdo amosando implicación e talento. Mágoa da súa mancadura. Retirouse cos aplausos do fondo sur e puido comprobar que a xente ten unhas enormes ganas de velo triunfar coa Verde no seu regreso ás pantallas. E Joselu segue sen mollar pero estivo presente, dentro do que cabe, fabricando terminacións de xogadas con selo persoal: recepción, colocación, disparo. Terá, iso si, que afinar moito o de Ribeira para empezar a marcar goles, vitamina indispensábel para o Racing. David Bandera foi, xunto a Danibe, o mellor dentro do discreto ton grupal. O ex astorgano pelexa, non se complica, non se agacha, é bo lector de partido, crea perigo e reparte porcións. Nun Racing máis feito e lucido dará que falar. Ou non.

Joselu e o ex verde Jonathan nun lance do partido. (foto: Mero Barral)

Os principais problemas deste Racing formativo tardo-estival están na velocidade e na falta de director de orquestra. Ao Racing fáltalle tensión, picardía, correr ben e de verdade polo balón e mellorar punterías, pases e recepcións. Matices a cabalo entre o patio de colexio reinante e o campo de adestramento con leccións extra obrigatorias... Este equipo esmeralda tira a porta moito máis que o ano pasado pero é todavía moi cándido e moi nebuloso nos metros finais. Nun momento do primeiro tempo unha enorme nube pasou sobre A Malata deixando unha sombra ostensíbel, semellante a unha nave nodriza. Alegoría da falta de esplendor na herba. Fáltanos dominio e concreción no remate, no tiro, na resolución, no aproveitamento do rexeite defensivo. Hai que ordenar as ideas. Con homes como Joselu ou David Bandera iso terá que cambiar gradualmente. Ou non.


O gol da tarde, obra do galego Aitor Aspas. Unha xogada na que houbo centro, rexeite, réplica, rebote e balón á rede. Un pouco de parsimonia nos nosos pero tamén un moito de sorte nos jamoneros. (capturas: www.crtvg.es)
 
A falta de organizador é clara. Non temos a un novo Borja Domínguez. O agora xogador do Córdoba ralentizaba un chisco o xogo pero tiña unha clara madeira de organizador. Que ben a pasaba e que perigo neses metros inmediatamente anteriores ao balcón das áreas! Míchel probou con Sergio Martín pero non lle convenceu e o granadino pasou da titularidade en Mieres a chupar banco onte. Pola súa banda, Pablo Rey é Pablo Rey, mito vivente, pero non é o organizador buscado. O seu concurso ante o Guijuelo foi, por iso, máis ben gris, xa que non existiu fútbol creativo na "meseta central" verde. E iso é clave en todo equipo. O Racing non funciona (polo momento) por esa razón básica.
Moitas son as pezas que hai que poñer a punto ao longo da primeira parte desta nacente liga na que a financiada Ponferradina anda máis despistada polo "bronce" español que un polbo mugardés n`O Carballiño. Na que a Leonesa está chula tras vencer no derby provincial contra os semi-galegos bercianos. Non é cousa de ganarmos en Mutilva, nas aforas de Pamplona, e montar unha festa a vindeira fin de semana. É un proceso relativamente longo e sen absoluta garantía de éxito o que temos que afrontar, pero necesario e inevitábel. Converter un plantel con substancia nun equipo ganador. Ir da palabra, do discurso, da reflexión, da teoría, á práctica. Polo momento, a 29 de agosto, temos unha teoría interesante. Pero só iso.

Míchel Alonso ten moito traballo por diante para construír un Racing ganador. Ese Racing chegará. (foto: Mero Barral)

Nos minutos nos que máis atacou onte, mediado o 2º tempo, ollamos a un colectivo que quere pero que aínda non sabe o que quere ou como contárllelo aos seus seareiros. Nótase que non hai as conexións necesarias, os cables andan polo chan agardando que veñan os electricistas a montar o cadro. As asociacións de memoria que en todo equipo importante corrixen, resolven e dan esplendor, están unplugged. Falta frescura. Normal nun plantel con dez novidades e con adestrador novo. Adestrar moi duro e xogar partidos para encontrarse. A receita é obvia e non hai outra na sanidade pública. Non importa ter un punto de seis posíbeis. Esquezamos a clasificación e a dichosa Fase de Ascenso porque non toca agora iso nin tampouco dentro de dous meses. Somos un equipo máis dos vinte do Grupo 1º da "división de bronce" que se marca o reto apaixoante de descubrirse a si mesmo. Nin bitolas nin historias. A meta é chegar a saber e ganar, como no programa de Jordi Hurtado, o sempiterno. Saber a que imos xogar e ganar. Nada menos. Para todo isto a medicina chámase tempo. É un xenérico. 
O mércores agarda o Zamora (que agora circula pola Terceira castelá-leonesa), no segundo choque copeiro da historia contra ese equipo. Todo será antes dos Fogos que poñerán fin ás presuntas festas ferrolás. Pílula (para os da Logse, pastilla) de tempo para a metade de semana que servirá para seguir traballando no reto necesario. Ser Racing con identidade.